A xunta habilitou un formulario online de suxerencias para canalizar a participación cidadá na elaboración da futura lei. Podedes acceder a través de http://www.cmati.xunta.es/disposicions
Ademáis daquelas cuestións máis xerais, urbanísticas ou xurídicas que poidan estar á vista nunha lectura máis específica e pormenorizada, como arquitecto e, por tanto, axente afectado, gustaríame centrarme nunha serie de puntos que creo que son de grande interese para arquitectos e pequenos propietarios ou comunidades de veciños, e que teñen relativa importancia atendendo ao momento de crise económica actual:
– En obras de conservación de edificacións (normalmente vivendas) que se encontran fóra de ordenanza, fóra de ordenación ou simplemente nalgún suposto de solo rústico protexido, por exemplo, a miúdo é habitual que ao substituír o material de cubrición, por expoñer un caso, se aproveite para substituír elementos estruturais en mal estado. Isto permíteo a meu entender a actual lei sempre que sexan substitucións “puntuais” de elementos idénticos aos orixinais. Isto non sempre é fácil de cumprir porque ás veces custa encontrar un elemento parecido, sequera, a outro fabricado noutro tempo. Tampouco axuda o feito de que a interpretación do termo puntual poida ser tan subxectiva: non é igual de puntual mudar unha cercha nun tellado dunha casiña (na que como muito haberá unha, dúas ou tres tesoiras/ tixeiras, que nunha nave industrial de grande tamaño). Tamén parece sensato, unha vez que se fai un cambio de tella, aproveitar para colocar un illamento térmico mínimo (agora que a eficiencia enerxética está tan en voga) no momento de facer a obra, o que xa significaría unha mellora e non só unha obra de conservación ou mantemento. Por iso propoño, ao igual que outros compañeiros arquitectos, arquitectos técnicos e aparelladores da mesma opinión que, mantendo os obxectivos da lei (non ampliación de volume, conservación de certos valores protexibles, afectación en prol de demolicións ou expropiacións futuras), se dea a opción ao propietario/ promotor de renunciar ao valor engadido que a mellora supón na procura de tres alicientes:
- que o usuario poida mellorar as súas condicións actuais de vida nesa edificación.
- que esta clase de obras que son inevitables en moitos casos (por falta de medios para mudarse de domicilio) poidan ser unha fonte de traballo e de impostos, con garantía para os axentes intervintes, que doutra forma se verían envoltos habitualmente en obras presuntamente ilegais ao descubrir, por exemplo, durante a conservación que cunha sustitución puntual dun elemento estrutural non é suficiente para garantir a estabilidade.
- que unha expropiación futura se poida executar polo valor inicial previo á mellora (o cal non se está cumprindo incluso nos casos nos que xa hai documentación deste tipo) para así evitar despilfarros de diñeiro por parte da administración cando valora bens ilegais como se estivesen construídos con pleno dereito.
– Con relación ás ITEs, todos os concellos de Galicia deberían ordear que se realicen Inspeccións Técnicas de Edificios a través das correspondentes ordenanzas ITE ou similares (actualmente aprobadas en moi poucos concellos). Iso contribuiría, na miña opinión, a que houbese unha maior observancia con relación ao deber de conservación das edificacións por parte dos propietarios, ao deber de vixilancia da administración, a que se desen maiores garantías a ámbolos dous en forma de la responsabilidade do técnico que realice a inspección, e a gañar para os técnicos unha maior carga de traballo. Creo que deberían establecerse prazos e sancións por parte da Xunta de Galicia, para que os concellos cumpran un aspecto que a lei xa recollía dunha forma sensata no seu artigo 200.
– Respecto da integración en núcleos rurais, Feísmo, etc. Creo que debería primar o criterio da escala ou do tamaño das edificacións ou elementos da paisaxe típicos respecto de outros criterios como o da tipoloxía dominante ou o dos acabados exteriores. Este criterio da tipoloxía dominante empregado ata agora non parece que teña parado a deturpación dos nosos núcleos se non que, máis ben, se ten descaracterizado o prexistente. É por iso que debería rexir unha integración por analoxía e non por imitación, semellante ao criterio que emprega Patrimonio. Debería darse a posibilidade de armonizar con outros elementos propios do núcleo (non só edificacións), como poden ser os bancais/ socalcos do terreo cando se empregan cubertas vexetais. Tampouco debería ter tanta importancia copiar os materiais veciños, senón, simplemente, restrinxir o uso de algúns (pvc, etc) e, preocuparse de que haxa unha intención estética co seu aspecto final co obxectivo de que se integre, armonice ou que combine no conxunto. Existen numerosos exemplos de edificios de hormigón á vista ben integrados ou de acabados de chapa sublimes. Nembargantes, son consciente de que resulta difícil de regrar estes últimos aspectos, e por iso como técnico insisto en que debería ter prevalencia a escala ou o tamaño respecto aos elementos en contexto (non necesaria nin exclusivamente edificacións).